O venres 13 de decembro comezamos a preparación dun dos proxectos que máis nos esixiu a nivel de preparación e organización, especialmente a nivel individual: Selkie. Agardábanos por diante uns días de intenso traballo e un encontro de Lítore no que o compositor Brais González tivo un papel moi destacado. Neste artigo contamos todos os detalles do noso último encontro de 2024 e do noso paso polo Auditorio de Torroso, o Teatro El Albéitar de León e a Sala Cultural Sant Diego en Alaior!
O primeiro ensaio foi clave para analizar a situación da obra e decidir en que dirección traballar nos próximos días. Tras esta primeira sesión, a sensación xeral foi de alivio e motivación: o traballo individual fora produtivo. Isto significaba que, con uns poucos ensaios máis, a obra estaría máis que preparada para a data da estrea.
O sábado 14 traballamos intensamente con Brais, pola mañá e pola tarde, poñendo especial atención aos detalles estritamente musicais, os momentos de declamacións acompañadas de música e a interpretación do texto. Para nós foi moi interesante mergullarnos nun traballo que nunca antes fixeramos e enfrontarnos aos retos de Selkie. Como proxectar a voz, como ser natural e expresivo nas declamacións ou como coordinarnos en distribucións espaciais pouco convencionais foron algúns dos maiores desafíos. Esta xornada de traballo foi esencial para pechar os últimos detalles escénicos da obra, que se definiron grazas ás ideas que xurdiron durante os ensaios.
O domingo 15 volvemos traballar intensamente, esta vez sen Brais, centrando os nosos esforzos en reducir ao máximo os erros relacionados con tocar de memoria. Tras os nosos intensos procesos de memorización individuais, os ensaios conxuntos foron moi útiles para interiorizar a música, determinar os movementos en escena e dar sentido aos diálogos.
O luns 16, de novo con Brais, realizamos un ensaio xeral que significou a primeira interpretación completa da obra, incluíndo as voces en off, o vestiario e o atrezo. Entre esta xornada intensiva e a mañá do martes, ultimamos os detalles para a estrea en Torroso.
O martes 17 de decembro estreouse Selkie acompañados de 109 persoas nunha experiencia marabillosa. Se queres coñecer máis sobre este día e todo o que significa para nós a materialización deste proxecto, non perdas o vindeiro artigo do blog!
Ao día seguinte pola mañá, os membros de Lítore e Brais dirixímonos cara a León. Levamos Selkie a un teatro xa familiar para nós, o Teatro El Albéitar, un dos puntos culturais de referencia da cidade. Alí puidemos explorar máis efectos de luz e escenografía grazas ás condicións da sala e gozar do proxecto sen a tensión da estrea.
Tras uns días máis relaxados, o sábado 21 de decembro voamos cara a Menorca, unha illa que nos acollía por primeira vez. Grazas a Joventuts Musicals de Alaior, puidemos levar o novo proxecto ás nosas queridas Illas Baleares, concretamente á Sala Cultural Sant Diego en Alaior. Aínda que Brais non puido viaxar connosco, contamos coa axuda da nosa amiga Ángela Foved, quen nos botou unha man cos aspectos técnicos da obra durante a función do domingo 22.
O luns 23 despedímonos no aeroporto de Maó e emprendemos as nosas viaxes de regreso á casa polo Nadal. Este proxecto foi todo un reto a nivel profesional e superámolo con éxito. Agora tócanos seguir mellorando Selkie e loitar por vivir moitas máis xiras coma esta. Non queremos deixar de dar as grazas ás nosas familias, a Brais González, ao director do Conservatorio de Torroso Rubén García, á Universidade de León, á organización de Joventuts Musicals de Menorca e a Ángela Foved: sen todos eles, este proxecto non tería sido posible.
Ata a próxima!