top of page
litorequartet

ENTREVISTA A BRAIS GONZÁLEZ

Quizais unha das cousas máis máxicas da arte sexa o proceso no que unha idea se transforma nunha realidade. Nós facémolo, principalmente, a través da interpretación dun texto escrito: producimos unha realidade acústica a partir dunha partitura. Por este motivo, o traballo dos compositores é de valor esencial para os intérpretes, e queremos apoiar ao máximo o seu incrible labor.



A xénese de Selkie, unha composición única do noso querido amigo e extraordinario músico Brais González (Vigo, 1987), naceu da nosa inquietude por explorar o movemento escénico e superar os convencionalismos formais da música clásica. A inspiración inicial levounos a imaxinar unha ópera para cuarteto de saxofóns, idea que lle presentamos a Brais na primeira reunión que tivemos con el. Desde o principio estaba claro que era a persoa idónea para levar este proxecto á realidade. Non só a predisposición e ilusión de Brais foron inmellorables desde o primeiro momento, senón que o resultado final axústase perfectamente ao que nós imaxináramos.


Con esta entrevista queremos dar visibilidade ao seu admirable traballo, cheo de inspiración e paixón, que debuxou, coloreou e dimensionou un simple concepto dun xeito sublime.O resultado final deste proxecto experimental —que tamén é o noso proxecto de encargo e estrea dunha obra orixinal para cuarteto de saxofóns neste ano 2024— levarase a cabo no Auditorio de Torroso o 17 de decembro. Aquí vos deixamos a entrevista. Graciñas, Brais!




A nosa idea dunha obra cun forte compoñente escénico para cuarteto de saxofóns naceu no mes de xullo de 2023. Foi nese momento cando presenciamos a final do concurso Juventudes Musicales de España na modalidade de música de cámara e a incrible actuación dos nosos amigos do Dianto Reed Quintet. A inspiración que nos veu nese momento só era unha idea sen forma ata que ti mostraches a túa ilusión por facela realidade. Como recibiches a nosa proposta de compoñer esta obra, a comezos deste ano 2024? Que é o que che fixo querer formar parte deste proxecto?

Tiven a sorte de coñecer, en distintos momentos destes últimos anos, a tres membros do cuarteto (Sira, Jaime e Hugo), desde o meu labor como pianista acompañante. Ademais, o ano pasado, recibín con moita alegría a proposta de Jaime de compoñer unha obra para o seu concerto final de carreira; unha obra nada habitual para saxofón, gaita galega e percusión tradicional.


Doutra banda, desde a estrea da miña primeira ópera en 2022 (“Loba Branca”) descubrín que me apaixoan os proxectos escénicos e a música ao servizo dunha narrativa. É un enfoque creativo e compositivo totalmente distinto. Con todos estes condicionantes, estaba claro que a única resposta á vosa proposición tiña que ser un “si”!


Definiches a túa creación como un conto escénico para cuarteto de saxofóns. Que características dirías que ten este formato de obra artística? Cres que é un formato que presenta novidades con respecto a outros semellantes, como a ópera ou o musical? Cres que este formato pode ter futuro no panorama da música de cámara dos vindeiros anos ou décadas?

Selkie móvese, sen dúbida, nun terreo híbrido, que toma distintas referencias, tanto do teatro musical, como da ópera, ou mesmo do teatro noh xaponés, ademais de tomar como punto de partida outros contos musicais con narración. Por fortuna, na última década moitas formacións camerísticas están a apostar por formatos e proxectos escénicos que, sen dúbida, veñen para achegar algún novo a un panorama (o do recital de cámara) que adoece de novas formas de expresión. O feito de que sexan formatos aínda sen estandarizar e en proceso de exploración dános aos compositores e ás formacións unha liberdade creativa única para innovar e seguir buscando novos camiños para a música de concerto.  


Crear unha obra así é un proceso moi complexo: non só tiveches que compoñer a música, senón que tamén ideaches o fío narrativo, escribiches o libreto, planteaches a escenografía e solventaches dificultades técnicas. Como foi o proceso creativo? Cales foron os pasos que seguiches para compoñer unha obra artística con tantos elementos?

Como en calquera obra de encarga, o primeiro proceso sempre é o de poñer sobre o papel cales son as vimbias que achega a institución (ou neste caso, a formación) que realiza o encargo. O coñecervos de antemán (tanto persoalmente como o traballo que realizais estes últimos anos con Lítore) simplificou moito o proceso. Tiña claro que tiña que ser unha obra con catro personaxes. Doutra banda, a vinculación que todos temos, dunha ou outra maneira co mar (presente mesmo no nome do grupo!) levoume a buscar unha historia que estivese relacionada co mundo mariño ou acuático. A partir de aí, empecei un proceso de procura e cribado de distintas lendas tradicionais de distintas partes de Europa ata dar coa historia da “muller Selkie”. 


Unha vez decidida a historia, o proceso máis longo foi, sen dúbida, o da escritura do guión. Unha vez terminado o guión, a escritura da parte musical foi relativamente rápida e sinxela, xa que durante a escritura, acumulei moitas ideas e bosquexos musicais que foron xurdindo a medida que escribía a parte narrativa.


Cóntanos como nace a idea de Selkie e a túa inspiración para o trasfondo narrativo da historia. Cales son os valores que agocha esta historia?

As lendas sobre as mulleres selkie son abundantes en distintas partes do Norte de Europa (Irlanda, Escocia, Noruega…). Comecei tomando como referencia unha lenda tradicional das Illas Féroe. Pero en febreiro, unha viaxe ao norte de Escocia, cambiou a miña perspectiva; tiven ocasión de falar con distintos mariñeiros dalgúns pobos pesqueiros da rexión de Aberdeenshire, e mesmo pasar varias horas rodeado, en soidade dun grupo de focas nunha praia de Newburgh. Tras esa viaxe, decidín adaptar as lendas escocesas e situar a historia en varias das localizacións que coñecín nesa viaxe: o pobo de Stonehaven e as praias e cantís de Dunnotar.


Para min hai algo moi interesante en adaptar historia e lendas tradicionais, e é poder expandir o seu arco narrativo para permitirme falar de temas que nos toquen a todos de preto hoxe en día. Selkie é unha historia que fala de transformación, de estar atrapado nun corpo alleo, do poder patriarcal e das fronteiras do amor e o respecto. Foi realmente difícil xuntar e cohesionar todos eses elementos para darlle a forma final ao libreto.



Cada un dos 4 integrantes do cuarteto é unha personaxe diferente na historia. Como realizaches a distribución das personaxes? Está relacionada co tipo de saxofón que toca cada un de nós?

A lenda tradicional de Selkie ten tan só dous personaxes: a muller foca (Ailsa) e o mariñeiro (Duncan). Pero vin claro desde un primeiro momento que había outros dous personaxes que ían ser fundamentais na historia: por unha banda, unha foca-macho, que servise como vínculo coa antiga vida de Ailsa no mar. Por outro, un paxaro, neste caso un fulmar boreal (un pequeno paxaro da familia das gaivotas), que ten o poder de sobrevoar tanto o mar como o pobo, conectando así os dous mundos presentes na historia.


Evidentemente, non só cada saxofón, senón tamén cada integrante do cuarteto está relacionado moi directamente con cada un dos catro personaxes da historia.


Define Selkie con 3 palabras.

Mar, dor e liberdade.


En agosto tivemos unha interesante sesión de traballo conxunto, aínda cando a obra estaba en proceso de composición. Como influiu este traballo entre intérpretes e compositor no resultado final da obra?

O encontro que tivemos en agosto, non só foi tremendamente frutífero, a pesar do breve do mesmo, senón que resultou definitorio para terminar a obra. Nese momento, encallárame en varias das últimas escenas, pois o primeiro final que escribín para a obra non me gustou en absoluto e volvín a un punto inicial da historia para empezar, case de cero. Foi practicamente unha revelación poder traballar convosco, probar algúns pequenos movementos escénicos e que de súpeto se aclarasen unha chea de cousas dentro da miña cabeza sobre como terminar finalmente a historia.


Como é traballar cun cuarteto de saxofóns? Que opinas desta agrupación como conxunto instrumental? Como é traballar con Lítore Quartet?

Teño unha irmá saxofonista así que estiven rodeado de saxofones desde hai moitos anos, desde o meu traballo como pianista acompañante. É un instrumento versátil, cunhas posibilidades tímbricas enormes, e iso para un compositor é sempre unha ferramenta de traballo incrible para desenvolver as túas ideas. 


Parece que,seguramente grazas a esta versatilidade, o cuarteto de saxofones está a converterse na gran formación de futuro da música académica de concerto. Ademais, creo que o feito de que sexan formacións relativamente novas e afastadas aínda do estatismo das formacións canónicas da música clásica favorecen un maior grao de innovación e experimentación, fomentada a maioría das veces polos propios grupos. 


Coñecendo de antemán a Jaime, a Hugo e a Sira, non tiña dúbidas de como ía ser traballar convosco. Non vos vou a tirar demasiadas gabanzas porque quero que me quede algún para despois da estrea, pero percibín estes meses traballando convosco disciplina, seriedade, perseveranza, e moi bo ambiente de traballo. Eu, francamente, estou encantado.


Cales son os teus soños ou obxectivos como compositor? Que é o que te fai sentir plenitude en relación á túa vida profesional como músico?

Hai dúas cousas que me fan sentir especialmente ben da miña profesión: por unha banda a sensación indescritible que se produce cando alguén estrea unha obra túa, de ter a un grupo de persoas sacrificándose e poñendo todo do seu parte para traer á vida algo que antes estaba só na túa cabeza. É unha sensación moi bonita.


Por outra banda, o público. Sempre entendín a música (e polo tanto, a arte) como algo social, como algo que nos conecta coa comunidade e sigo pensando que temos unha responsabilidade como colectivo grande en achegarlle á xente cosas belas, cousas estimulantes, cousas que lles fagan pensar. Para min o público segue sendo o elo máis importante de toda a cadea da música. Así que, saír dun concerto e ser capaz de emocionar á xente que alí se atopaba, é o que máis me reconforta como compositor. E segue sendo sempre o principal obxectivo!





Comentarios


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page