top of page

ENCONTRO FINAL DE TEMPORADA 2023/2024

O 11 de agosto finalizabamos a tempada 2023/2024 cun concerto en Potríes, Valencia, como parte dun festival feito con moito esforzo e agarimo: o Potries Music Fest. Con todo, os dous primeiros concertos da xira tiveron lugar en Baiona e Vigo, e con eles conseguimos levar a nosa música a Galicia por cuarto ano consecutivo.


Neste novo artigo do blog contarémosvos todos os detalles deste encontro tan especial, protagonizado polos longos ensaios, a compañía de grandes persoas e a vivencia de momentos que, sen dúbida, quedarán para o recordo.


Fotografía: Inma del Valle


O domingo día 4 de agosto dabamos comezo a 3 días de intensas sesións de ensaio, que tiveron lugar entre O Rosal e Belesar. Puidemos gozar do bo tempo nos nosos descansos e repoñer forzas coas deliciosas comidas ao aire libre que as nosas familias prepararon. Durante este encontro, non só traballamos o repertorio dos concertos: Fantasy Etudes de William Albright, The Sobbing of the Phoenix de Aaron Siebert e o terceiro movemento Finale do Cuarteto de Saxofones Op. 109 de Alexander Glazunov. Tamén tivemos que preparar o repertorio que presentaremos ao curso de Xuventudes Musicais de Alemaña en Weikersheim o próximo mes de setembro, no que aprenderemos dalgúns dos mellores músicos do mundo como o Cuarteto Casals, Heime Müller, Eberhard Feltz ou Angelika Merkle. 



Despois de moitas notas, un reencontro co noso gran amigo Aaron Siebert e uns cuantos mergullos na piscina, chegou o día do noso primeiro concerto da xira. O 7 de agosto pola mañá, despois dun breve ensaio, saudabamos a Brais González, un polifacético músico vigués cunha carreira interesantísima. El é o compositor da próxima obra que estrearemos, unha experimentación nova que parte da idea de "ópera para saxofóns". Nunha proveitosa sesión, exploramos as posibilidades escénicas, loxísticas e acústicas do proxecto, participando así de forma activa no proceso de creación dunha nova obra e establecendo un estreito vínculo entre compositor, intérpretes e creación. Grazas, Brais, pola túa boa disposición e por compartir o teu talento connosco. Manterémosvos ao día coas novidades deste apaixonante nacemento artístico!



Ese mesmo día pola tarde, vestiámonos cos nosos traxes azuis e entrabamos na Iglesia Excolexiata de Santa  María de Baiona, dispostos a ofrecer o noso primeiro concerto do programa "Raíces" no espazo brindado por un fermoso templo de estilo románico do século XIII. Ante a falta de apoio das institucións locais, vímonos obrigados a expor o formato de aportación consciente nos nosos concertos en Galicia. Este formato consiste en que cada membro da audiencia, voluntariamente, pode deixar á saída un donativo de cantidade indefinida, que varía en función do valor que cada persoa lle dea ao concerto ou o nivel de apoio que queira mostrar. Aínda que esta é unha práctica moi habitual noutros países europeos, non é tan común en España. A pesar diso, a resposta do público foi mellor do esperado, e queremos agradecerlle infinitamente a súa asistencia e xeneroso apoio. Tamén queremos expresar a nosa gratitude cara ao párroco da igrexa, Don Manuel Salcidos, por recibir a idea deste concerto cos brazos abertos desde o primeiro momento e apoiar o noso proxecto. 



Ás veces, daquelas cousas inesperadas que a priori interpretamos como negativas, nacen novas alegrías, xorden novos anxos no camiño. O concerto do 8 de agosto que nun primeiro momento plantexaramos facer na Concatedral Santa María de Vigo foi cancelado poucos días antes do inicio do encontro. Con carteis e programas xa impresos, persoas comprometidas a asistir ao concerto e tras todo o esforzo organizativo, non podiamos deixar a cousa así. Nese momento de procura express dun novo espazo apareceu Alberto Abal, todo un descubrimento a nivel persoal. Non soamente se encargou de organizar o noso concerto na Capela das Trinitarias de Vigo, senón que se preocupou da promoción, axudounos na loxística e estivo á nosa plena disposición en todo momento. Ademais, a súa simpatía, altruísmo e amor pola música fíxonos descubrir unha persoa coa que estamos seguros de que colaboraremos no futuro. Grazas de corazón, Alberto. 



Coa resaca emocional de ambos os concertos, nos que estivemos moi ben arroupados por familiares, amigos e profesores, o día 9 de agosto faciamos as maletas para coller o noso voo a Valencia. A nosa sede nesta ocasión situouse en Rótova, un pobo do interior da comarca da Safor. Alí, a nai de Sira fíxonos gozar da rica gastronomía local e coidounos con moito agarimo durante os últimos días de encontro. 



O domingo 11 de agosto poñiamos punto e final a esta xira co noso concerto no Potries Music Fest na Casa da Cultura de Potríes, rodeados tamén de amigos e familiares. Este concerto non sería posible sen Ausiàs Garrigós, director artístico do festival e gran músico, que confiou en nós e no noso proxecto desde o primeiro momento, tratándonos ademais con moito aprecio. Oxalá nos reencontremos pronto. Moitas grazas, Ausiàs!


Fotografía: Alberto Garsan


Estes días sorprendéronnos con multitude de anécdotas, a xenerosidade do noso público e a oportunidade de compartir unha vez máis un escenario xuntos. Pero, sen dúbida, os máximos responsables de todo o que é e será Lítore Quartet son as nosas familias, e é o seu apoio incondicional aquilo que nunca nos deixa de sorprender. Grazas en especial aos nosos papás e mamás, por coidarnos tan ben e valorar como ninguén máis o noso esforzo. Sodes, sen dúbida, a alma de Lítore. 




Comentários


LOGO LITORE DEFINITIVO.png
bottom of page